O Consello Local da Infancia da Coruña pecha o curso con máis de 40 propostas para mellorar a cidade

O Salón de Plenos do Pazo de María Pita acolleu a sesión de peche do curso 2024-2025 do Consello Local da Infancia da Coruña (CLIAC), un encontro no que máis de 40 nenas e nenos de 11 centros educativos da cidade compartiron propostas e reflexións co Goberno local.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a sesión acompañada do concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego. Durante o acto, as e os representantes do CLIAC presentaron iniciativas que abranguen dende a creación de máis parques inclusivos ata campañas de concienciación ambiental, medidas para mellorar a accesibilidade nos espazos públicos e accións específicas para tratar a saúde mental desde idades temperás.
“Estas achegas son o resultado dun proceso de participación democrática que reflicte a vosa madurez, empatía e compromiso coa cidade”, destacou a rexedora, que aproveitou para agradecer o traballo realizado ao longo do curso. Foron preto de 40 encontros nos que a infancia coruñesa debateu sobre cuestións como medio ambiente, igualdade, diversidade ou educación.
Entre as accións máis salientables, Rey mencionou a visita que o Consello realizou á Cociña Económica durante o Nadal, cualificándoa como “un xesto que fala da vosa conciencia social e que me fixo lembrar ao meu avó Luis, que colaborou moitos anos con esta entidade”.
No tramo final do encontro, a alcaldesa referiuse tamén ás propostas centradas no reciclaxe e coidado dos espazos públicos, poñendo en valor o compromiso ambiental da mocidade: “O feito de que propoñades estas accións amosa que tedes claro que a protección do medio ambiente é unha responsabilidade colectiva. Vós estades dando exemplo”.
Con actos como este, o Consello Local da Infancia consolídase como unha canle estable de participación activa que lle dá voz ás novas xeracións na vida política e social da Coruña. “Este pleno non remata aquí: segue cada vez que vos escoitamos, cada vez que facemos realidade unha das vosas propostas”, concluíu Inés Rey.