O Consello do Estudantado da UDC posiciónase contra a creación da Universidade Emilia Pardo Bazán, de carácter privado

ACoruñaXa
O órgano representante do alumnado reclama apostar polo reforzo do sistema público e alerta de que a nova universidade privada, promovida por Cesuga na Coruña, non responde ás necesidades reais do estudantado galego
A CORUÑA consello goberno udc
10 Dec 2025

O Consello do Estudantado da Universidade da Coruña (UDC) remitíu o seu posicionamento no que manifesta a súa 'preocupación e desacordo' coa proposta de creación da Universidade Emilia Pardo Bazán, unha nova institución privada que o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) pretende poñer en marcha cun campus propio na cidade da Coruña a partir do curso 2026-27.

O proxecto, presentado publicamente na primavera deste ano con apoio de parte do empresariado coruñés e co aval político da alcaldesa Inés Rey, que o defendeu como unha iniciativa chamada a 'facer cidade' e complementar a oferta formativa existente, prevé un campus con arredor de 2.500 estudantes e graos ligados a áreas como empresa, tecnoloxía, arquitectura, enxeñaría ou saúde.

Porén, a iniciativa chega nun contexto marcado pola polémica. A memoria de Cesuga para converterse en universidade privada baixo o nome de Emilia Pardo Bazán recibiu un informe desfavorable da comisión delegada do Consello Xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación, por dúbidas sobre a viabilidade das novas instalacións, o financiamento e o deseño do proxecto de investigación. A pesar de que ese ditame non é vinculante, a Xunta aínda non iniciou o procedemento lexislativo necesario para autorizar a creación da universidade, que pasa pola aprobación dunha lei específica no Parlamento de Galicia.

Ao redor do proxecto artellouse unha fronte crítica na que se sitúan sindicatos como CIG-Ensino e CCOO, así como o BNG, que reclamou á Xunta que 'nin acepte nin permita' a posta en marcha dunha nova universidade privada en Galicia. Tamén o claustro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou unha declaración institucional na que pide paralizar o proceso por considerar que non existe demanda social nin académica e que a oferta prevista duplica titulacións xa presentes nas universidades públicas.

No caso da UDC, o reitor Ricardo Cao expresou en varias ocasións a súa oposición a autorizar universidades privadas que conten con informes negativos sobre a súa calidade, adheríndose ao posicionamento da CRUE Universidades Españolas, que advertiu de que este tipo de autorizacións irían en detrimento da calidade do sistema universitario no seu conxunto. O responsable da institución coruñesa defende que calquera iniciativa, pública ou privada, debe someterse ás mesmas esixencias en docencia, programación académica e investigación, ao tempo que reivindica o papel da universidade pública como garante da igualdade de oportunidades.

Neste contexto, o Consello do Estudantado da UDC fai público agora o seu propio posicionamento político. No documento remitido, a representación estudantil reafirma o seu compromiso cun modelo de ensino superior 'público, de calidade e accesible', baseado na igualdade de oportunidades e no contributo ao desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.

O Consello considera que as políticas universitarias deberían centrarse en reforzar as institucións públicas xa existentes en lugar de promover novas estruturas privadas 'cuxa oferta académica, en moitos casos, replica titulacións xa presentes nas universidades galegas', o que ao seu xuízo compromete a planificación e a cohesión do sistema universitario. Engaden que a posta en marcha da Universidade Emilia Pardo Bazán podería fragmentar o mapa universitario galego e desviar recursos, atención e esforzos que deberían destinarse a mellorar a docencia, a investigación e as condicións de estudo e participación do estudantado.

'Por todo o exposto, o Consello do Estudantado da Universidade da Coruña reitera a súa defensa firme e serena do ensino público galego e insta ás institucións competentes a avanzar cara a un sistema universitario cohesionado, sostible e verdadeiramente atento ás necesidades da súa comunidade estudantil', conclúe o texto, asinado pola presidenta do Consello, Valeria Oliva Cousillas Carrera, o 31 de outubro de 2025.

O debate sobre a Universidade Emilia Pardo Bazán insírese nunha discusión máis ampla sobre o papel das universidades privadas en España. O Goberno central prepara un novo real decreto que endurece os requisitos para a creación destes centros (número mínimo de estudantes, escolas de doutoramento e informes favorables das axencias de calidade), unha reforma que conta co apoio da CRUE e que é vista por parte do sector privado como unha ameaza á súa expansión.

Á espera de que a Xunta defina finalmente a súa postura e de que se concrete o novo marco normativo, o Consello do Estudantado da UDC súmase así ás voces que reclaman priorizar o fortalecemento do sistema universitario público fronte a novas iniciativas privadas como a Universidade Emilia Pardo Bazán.

⚙ Configurar cookies
0.080316066741943