O Congreso move ficha pola maderera Losán, con nóminas pendentes e as plantas de Curtis e Vilasantar no aire

A crise do Grupo Losán, unha das compañías históricas do sector da madeira con raíces en Curtis, deu un salto ao ámbito estatal. O Congreso aprobou unha iniciativa defendida polo deputado do BNG Néstor Rego para que o Goberno do Estado adopte un papel activo e, a través da SEPI, participe no deseño dun plan de viabilidade que garanta a continuidade industrial e o emprego nas dúas fábricas que o grupo mantén en Galicia, en Curtis e Vilasantar, con máis de 200 postos directos.
O debate chega nun momento de máxima tensión laboral. Segundo veñen denunciando os comités, hai persoal que acumula ata catro meses sen cobrar, mentres corre o reloxo do preconcurso de acredores, cunha data sinalada no calendario: o 29 de abril, cando remata o prazo e podería abrirse a vía do concurso se non hai unha saída solvente.
Durante a defensa da proposta, Rego puxo o foco no paradoxo dunha empresa que recibiu un volume relevante de apoio público e que, aínda así, afonda na crise. Entre esas achegas figura a axuda da SEPI por 35 millóns de euros, articulada nun préstamo participativo de 21,6 millóns e outro ordinario de 13,4 millóns. O deputado insistiu en que ‘os recursos públicos non poden servir para sanear as contas das empresas e que logo estas marchen cara a outro lugar’.
A resolución aprobada inclúe dous mandatos políticos. O primeiro, abrir canles de comunicación coa dirección da compañía, a Xunta e os comités de empresa das fábricas para que a SEPI poida intervir no deseño dun plan que asegure actividade e empregos. O segundo, avaliar o retorno dos investimentos públicos na industria e promover cambios que impidan que as empresas beneficiarias recorran a ERE, peches ou deslocalizacións tras recibir fondos públicos.
Mentres tanto, a presión na rúa continúa: o comité convocou unha nova mobilización o xoves 26 de febreiro, ás 12.00 horas, diante das oficinas centrais do grupo na Coruña, para reclamar o pago inmediato das nóminas e compromisos reais sobre o futuro da actividade.