O Congreso ‘A memoria diversa’ regresa centrado nos discursos de odio contra o colectivo LGBTIQA+

ACoruñaXa
Unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Universidade da Coruña
dep-memoria-diversa
27 May 2025

O espazo Normal da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 31 de maio a cuarta edición do Congreso A memoria diversa, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa UDC, que se consolida como un punto de encontro esencial para reflexionar sobre a memoria e os dereitos do colectivo LGBTIQA+ en Galicia.

Nesta ocasión, o congreso porá o foco nos discursos de odio, tanto antigos como actuais, que afectan ás persoas LGBTIQA+ e contará cun programa de acceso libre —tamén retransmitido en directo a través da canle de Youtube da Deputación— no que se combinan relatorios, mesas de debate, proxeccións audiovisuais e unha proposta artística que mestura poesía e música.

Na presentación do evento, celebrada no propio espazo Normal, participaron a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra; a vicerreitora de Cultura da UDC, Cristina Naya; a comisaria do congreso, Eva Mejuto; así como representantes dos colectivos participantes.

Sol Agra destacou o valor simbólico e reivindicativo da iniciativa, que naceu no marco da área de Igualdade da Deputación e que agora se enmarca tamén na de Dereitos Civís: “Este é un espazo para celebrar todo o conseguido, para lembrar ás pioneiras da loita e para avanzar cara unha sociedade onde ninguén teña que ocultarse por ser quen é”.

Cristina Naya, pola súa banda, subliñou o compromiso da UDC coa igualdade e agradeceu o apoio económico da Deputación para iniciativas como esta. Eva Mejuto incidiu na singularidade do proxecto, “único no Estado”, e na necesidade de “conectar memoria e activismo” a través dunha programación que une xeracións e voces diversas.

Un programa diverso e comprometido

O congreso abrirá cun diálogo entre a cineasta Margarita Ledo e o activista Quique Costas sobre os inicios do movemento LGBT galego e a súa presenza nos medios. Carlos Callón afondará nas vidas LGBT na Idade Media galega, mentres que Ánxela Lema visibilizará voces queer na literatura do país. A mañá pecharase cunha intervención de José Carlos Alonso sobre a documentación da memoria e coa participación do club de lectura QUEERuña.

Pola tarde, a investigadora portuguesa Joana Matias achegará a historia do activismo LGBTI en Portugal. O colombiano Sebastián Jaramillo, xunto á sindicalista galega Laura Bugallo, falará sobre a realidade das persoas refuxiadas LGBTIQA+.

O programa inclúe tamén un percorrido pola memoria lésbica en Cataluña a través da escritora Isabel Franc, en conversa coa activista galega Nanina Santos. A xornada clausurarase coa proxección da curta Delicuente, de Nuria Vil, e cun recital poético-musical a cargo de Andrea Nunes e Éric Dopazo.

As mesas serán conducidas por membros de colectivos como Alas Coruña, Les Coruña, Avante LGBT, Arelas mocidade e a Rede Galega de Estudos Queer.

O IV Congreso A memoria diversa presenta así unha proposta sólida para seguir construíndo unha sociedade máis xusta, visibilizando historias silenciadas e creando redes de apoio e reflexión arredor da diversidade sexual e de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.15704488754272