O Congreso ‘A memoria diversa’ celebra unha edición de recoñecemento ao activismo LGTBI+

ACoruñaXa
A programación do congreso ofrece unha ampla variedade de formatos nun encontro como espazo de reflexión
dep-memoria
1 Jun 2025

O Espazo Normal da Universidade da Coruña acolle a cuarta edición do Congreso A memoria diversa, un encontro que serve como espazo de reflexión, recoñecemento e visibilización da diversidade e dos dereitos LGTBI+. A cita está organizada pola Deputación da Coruña, a través da súa área de Igualdade e Dereitos Civís, e conta coa participación de numerosas figuras do activismo, a cultura e a investigación tanto galegas como internacionais.

Durante o acto de apertura, a deputada de Igualdade, Soledad Agra, destacou o espírito desta edición: “na que quixemos facer memoria, mirar atrás para celebrar todo o que levamos conseguido: os cambios lexislativos, a visibilización, os dereitos, a celebración do orgullo de poder ter liberdade para ser e sentir”. Unha declaración que marcou o ton dunha xornada centrada en lembrar ás persoas que loitaron para que a realidade actual sexa máis xusta e inclusiva.

Agra puxo o foco no valor da memoria como ferramenta para frear retrocesos sociais: “Recordaremos ás pioneiras na reivindicación, aquelas que nos permiten estar aquí desfrutando de sabernos nunha sociedade máis xusta, onde as discriminacións e as agresións son cada vez máis illadas, e así recoñecer os logros para evitar que os estereotipos e os prexuízos se espallen e nos fagan retroceder”.

A deputada tamén alertou sobre os discursos de odio e a necesidade de manter a vixilancia: “Queremos que toda persoa teña o mesmo dereito a vivir sen medo, porque xa pasaron os tempos de agocharse por medo ou vergoña, grazas ó activismo de moites persoas que puxeron en risco a súa vida para que hoxe todes podamos ser iguais ante a lei e desfrutar dos mesmos dereitos sociais, poñendo no centro o que tivo que sobrevivir nas marxes”.

Neste sentido, Agra subliñou o compromiso institucional: “coa investigación, apoio e visibilización do colectivo LGTBI+, xa que o avance e normalización dos discursos lgbtfóbicos e tránsfobos na sociedade son obxecto da nosa preocupación e cómpre incrementar a alerta ante a escalada violenta que se está dando contra xente do colectivo e a imposición de posicionamentos heteronormativos”.

A programación do congreso ofrece unha ampla variedade de formatos: relatorios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais e unha conversa poético-musical. Participan nomes de referencia como a xornalista e cineasta Margarita Ledo; o xestor cultural Quique Costas, pioneiro do activismo LGBT en Galiza; o filólogo e escritor Carlos Callón; a investigadora Ánxela Lema; o activista José Carlos Alonso; Remedios Vázquez do club de lectura QUEERuña; a investigadora portuguesa Joana Matias; o activista colombiano Sebastián Jaramillo; a sindicalista e activista trans Laura Bugallo; a escritora catalá Isabel Franc e a activista lésbica Nanina Santos.

O evento pecharase coa proxección da curtametraxe DELICUENTE, da poeta e creadora audiovisual Nuria Vil, seguida dun recital e conversa poético-musical entre a poeta Andrea Nunes e o músico e activista trans Éric Dopazo.

As mesas serán conducidas por integrantes dos colectivos LGBTIQA+ galegos Alas Coruña, Les Coruña, Rede Galega de Estudos Queer, Avante LGBT e Arelas mocidade, reforzando así a participación activa do tecido asociativo actual no diálogo e na construción dunha memoria diversa e viva.

⚙ Configurar cookies
0.1701979637146