O concurso Quero Cantar da Deputación xa ten finalistas para a súa oitava edición

O concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar¡, organizado pola Deputación da Coruña, xa ten finalistas para a súa oitava edición. As formacións e solistas seleccionadas interpretarán os seus temas en directo na gala final, que se celebrará o domingo 6 de abril ás 18.00 horas no Teatro Colón da Coruña.
A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza e contará tamén coa actuación especial da solista Daniela Montes, gañadora na categoría xuvenil na pasada edición. A asistencia ao evento será de balde, con retirada previa de convites na web do Teatro Colón.
O xurado desta edición estivo composto por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito musical. Aida, Sabela e Olaia, integrantes de Tanxugueiras, foron parte do tribunal que valorou as propostas musicais, achegando a súa experiencia como referentes da música tradicional galega fusionada con estilos contemporáneos. Tamén participou Hugo Guezeta, rapeiro e letrista cun marcado carácter reivindicativo, que se consolidou en solitario tras o éxito co grupo SonDaRúa. O terceiro membro do xurado foi Jose Carballido, compositor, cantante e guitarrista en proxectos como A Sombra dos Soños ou Khitara, ademais de mestre de música no CEIP de Caión e actual participante no concurso Recantos do programa Luar da TVG. A presidencia do xurado recaeu na deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, e a xefa da área de Cultura da Deputación, Manuela Muñiz, exerceu como secretaria. Tamén estivo presente, sen voz nin voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Tanto a organización como o xurado destacaron o alto nivel de creatividade e calidade das propostas recibidas nesta edición.
O certame conta con dúas categorías: infantil, para participantes de ata 12 anos cunha persoa adulta, e xuvenil, para idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos. Como novidade, na gala final o xurado estará composto tamén por nenos, nenas e mozos da mesma franxa de idade que as persoas finalistas.
Na modalidade infantil chegaron á final tres propostas. O grupo The Escarabots, formado por alumnado do CEIP de Escarabote en Boiro, presentará a canción Agora sei nadar, composta polo mestre de música Diego Bello Magán e centrada na superación do acoso escolar. A formación Libres, integrada por once estudantes do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, interpretará Libre, unha composición do seu docente Anxo Fernández. Tamén competirá Gael Ares, de Fene, un mozo de 11 anos apaixonado pola música tradicional galega, que fusiona con electrónica e que defenderá no certame a peza *Bule-bule*, tocando instrumentos como a gaita e o contrabaixo.
Na categoría xuvenil tamén houbo tres propostas seleccionadas. Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, presentarán Preto de ti, unha canción que compuxeron no marco das clases colectivas “Escribe as túas propias cancións”.
O grupo WildFire, formado por catro estudantes do IES Alexandre Bóveda de Vigo, levará ao escenario Ladroas, unha composición inspirada nun caso persoal de micromachismo no ámbito musical. Esta banda, cun estilo que combina rock, grunge e metal, está integrada por Uxía García Carneiro na voz, Nora Lora Castro na guitarra eléctrica, Maya Sáez Sandoval no teclado e Uxía Romero Yáñez na batería.
A terceira proposta finalista será a do grupo Interestelares, formado en Cangas por Loaira, Tomé, Martín e Leire, que na pasada edición do Quero Cantar acadaron o segundo posto na categoría xuvenil. A súa música, inspirada na amizade, o compromiso social, o amor pola lingua e a cultura propia, así como na defensa da natureza, vén representada este ano pola peza Vai calor.