O Concurso 'Quero Cantar' da Deputación celebra a súa oitava edición

O Concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar', organizado pola Deputación da Coruña, alcanza este ano a súa oitava edición, consolidándose como un referente no panorama musical galego. Este certame, que busca fomentar a creación e interpretación musical en galego entre a mocidade, ten demostrado o seu impacto coa proxección de varios dos seus antigos participantes nos escenarios.
A selección das propostas finalistas correu a cargo dun xurado profesional composto polas Tanxugueiras, auténticas revolucionarias da música tradicional galega; Hugo Guezeta, un dos rapeiros e letristas máis relevantes do panorama musical galego; e Jose Carballido, compositor e guitarrista en proxectos como A Sombra dos Soños ou Khitara, ademais de docente musical no CEIP de Caíón, onde xa acadou éxito no concurso con varios dos seus alumnos.
Tras a selección inicial do xurado profesional, a decisión final recae agora nun xurado infantil e xuvenil. Este está composto por alumnado con formación musical das mesmas idades que os participantes, procedente da Escola Clave de Fa e do Conservatorio Municipal de Música "Carlos López García-Picos" de Betanzos.
A gala final celebrarase este domingo no Teatro Colón da Coruña, con entrada de balde previa reserva de convite na web do teatro (www.ataquilla.com). O evento estará conducido pola actriz e contadora Soledad Felloza.
Finalistas na categoría infantil
Os grupos seleccionados na categoría infantil son The Escarabots, de Boiro; Libres, de Ourense; e Gael Ares, de Fene:
Libres: Grupo formado por alumnado do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza Libre, composta polo docente Anxo Fernández. A canción transmite unha mensaxe de empatía e valoración da diversidade.
Gael Ares: Con só 11 anos, este fenés fusiona música tradicional galega con sons electrónicos na peza Bule-bule. Admirador de Davide Salvado, iniciouse na música desde moi pequeno.
The Escarabots: Grupo do CEIP de Escarabote (Boiro), que interpreta a canción Agora sei nadar, composta polo mestre Diego Bello Magán. A peza trata sobre a superación do acoso escolar, cunha mensaxe positiva de resiliencia.
Finalistas na categoría xuvenil
Emma Pérez e Candela Caamaño: Alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, presentan Preto de ti, unha canción composta no marco do taller "Escribe as tóas propias cancións".
WildFire: Grupo de rock con influencias grunge e metal, formado por catro estudantes do IES Alexandre Bóveda de Vigo. Presentan a canción Ladroas, creada como resposta ás críticas que recibiron por ser unha banda exclusivamente feminina.
Interestelares: Banda de Cangas do Morrazo que xa acadou o segundo posto na edición anterior. O seu pop-rock caracterízase por letras que tratan temas como a amizade, o compromiso social e o amor pola cultura galega. Nesta edición concursan con Vai calor.