O Concello reunirá aos feirantes tras o verán para mellorar a organización das festas de O Burgo

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, anunciou que, unha vez rematado o verán, convocará unha reunión cos responsables das atraccións e barracas co fin de planificar a organización futura das festas de O Burgo. A intención é “incidir en seguir unhas normas que aseguren a convivencia e o funcionamento normal dos festexos”.
O anuncio chega despois de que as festas de O Burgo conclúan sen incidencias destacadas entre os feirantes. O rexedor visitou a zona para supervisar o desmontaxe das instalacións, que se desenvolve con normalidade.
Rioboo aproveitou para agradecer o apoio da Subdelegación do Goberno na Coruña, así como o traballo do operativo de seguridade posto en marcha tras o incidente do pasado 17 de xullo, que cualificou de “coordinado e minucioso”. Tamén destacou o “papel esencial” dos efectivos da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Emerxencias, sanitarios do 061 e persoal do Punto Violeta. “O noso agradecemento por estar sempre atentos á protección do cidadán”, sinalou.
A nivel loxístico, o Concello puxo en marcha un protocolo de coordinación entre os servizos prestadores desde a área de Medio Ambiente, dirixida por Carlos Liñares, que funcionou correctamente durante a celebración. Esta mañá realizouse a limpeza do recinto principal, quedando pendente a actuación na zona das atraccións, que se limpará unha vez remate o desmontaxe.
Durante seis días, as festas congregaron a milleiros de persoas, rematando coa actuación de París de Noia e os tradicionais fogos artificiais. Rioboo tamén quixo recoñecer “o traballo da Comisión de Festas, coa que colabora o Concello, por facer posible uns momentos moi especiais e esperados na parroquia”. Culleredo entra agora na segunda metade do verán, con máis eventos programados para o mes de agosto.