O Concello reforza a canteira de Oza-Cesuras con novas equipacións para os cativos

O Campo de Fútbol do Loureiro acolleu esta semana a entrega das novas equipacións ás categorías biberón e prebenxamín do Club de Fútbol Oza-Cesuras. A iniciativa, que cada tempada conta coa colaboración do Concello, permite adaptar as tallas ao crecemento das nenas e nenos e dotar de material a quen se estrean no equipo.
Segundo informou o Goberno local, o Concello de Oza-Cesuras destina máis de 5.000 euros ao ano ao apoio das equipacións de base, un investimento orientado a garantir a práctica do fútbol en condicións axeitadas e a reforzar o vínculo identitario do alumnado co club e co municipio.
A renovación das prendas inclúe camisolas, pantalóns e medias, co obxectivo de asegurar que todo o alumnado poida competir e adestrar con uniformidade e representar con orgullo os cores do concello. Dende o club salientan que esta colaboración facilita a planificación da tempada e anima a participación das familias nas actividades deportivas.