O Concello recibiu a Cole Brauer, a primeira muller estadounidense en dar a volta ao mundo a vela
Este venres a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu no Pazo de María Pita a Cole Brauer, a regatista que se converteu este xoves, 7 de marzo, na primeira muller estadounidense en dar a volta ao mundo a vela en solitario e sen escalas. Brauer, de 29 anos e orixinaria de Nova York, quedou en segunda posición na regata Global Solo Challenge tras o francés Philippe Delamare, que chegou á cidade o pasado 24 de febreiro.
“A heroica fazaña que culminou onte Cole Brauer debe servir de exemplo a moitas mulleres neste 8 de marzo, pois precisamos de referentes que nos amosen que podemos afrontar diferentes retos en igualdade”, sinalou Inés Rey, que entregou á regatista un obsequio como lembranza do seu paso pola cidade.
Cole Brauer percorreu co seu barco, o ‘First Light’, un total de 26.000 millas náuticas en 130 días. A estadounidense foi compartindo o seu día a día a través das súas redes sociais, nas que conta con case medio millón de seguidores.