O Concello porá en marcha un programa de asesoramento ás persoas arrendatarias na cidade
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, avanzou a aprobación do primeiro programa de asesoramento ás persoas arrendatarias na cidade da Coruña, “unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca garantir o dereito das persoas a contar cunha vivenda digna e adecuada, un dereito que, como todos debemos lembrar, é constitucional”, lembrou o voceiro do Goberno municipal.
A través deste programa, o Concello poderá facer de contrapeso ante dúas realidades que se agudizaron nos últimos anos: a dificultade para acceder a unha vivenda en propiedade e o notable incremento no prezo dos alugueiros, “con cifras que moi a miúdo son inaccesibles para moitos cidadáns”, indicou Lage. Tamén, recordou que as políticas de vivenda son esenciais para o Goberno municipal, e lembrou que se licitou recentemente a obra de 50 vivendas municipais de alugueiro social en Xuxán por máis de 10 millóns de euros, entre outras medidas.
“Por iso, o Concello ten previsto poñer en marcha un programa de asesoramento ás persoas arrendatarias ou potenciais arrendatarias para facilitar o seu dereito de acceso a unha vivenda, un encargo que asumirá a EMVSA antes de mediados de setembro”, explicou.