O Concello lanza as Bolsas Norteamérica 2025-26 para estudantes de 4º da ESO
O Concello da Coruña abre mañá, xoves 21 de novembro, o prazo para que o alumnado que actualmente cursa 4º da ESO nos centros educativos da cidade poida optar ás Bolsas Norteamérica para o curso 2025-26. A iniciativa inclúe un mínimo de 25 prazas destinadas a estudar o primeiro ano de Bacharelato no Canadá, ofrecendo unha oportunidade única para mellorar o dominio do inglés e vivir unha experiencia inmersiva na cultura norteamericana.
Segundo destacou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, esta convocatoria ten un enfoque marcado pola igualdade de oportunidades, ao contemplar diferentes niveis de cobertura segundo a situación socioeconómica das familias. O programa contempla dúas modalidades de axuda:
- Cobertura total: Para aquelas familias que, segundo a puntuación obtida, acrediten unha situación económica máis vulnerable (entre 7 e 10 puntos).
- Cobertura parcial: O Concello financiará entre o 65% e o 95% do custo, garantindo que en ningún caso as familias aporten máis do 35% restante.
As Bolsas Norteamérica, postas en marcha polo Concello da Coruña, teñen como obxectivo principal facilitar que o alumnado amplíe a súa formación en contextos internacionais, mellorando non só as súas competencias lingüísticas, senón tamén o seu desenvolvemento persoal e académico.
A estadía inclúe todos os gastos esenciais para o curso académico:
- Viaxes de ida e volta desde A Coruña ata o destino no Canadá.
- Xestión e obtención do visado.
- Asistencia sanitaria durante a estadía.
- Axuda mensual de 120 euros para manutención.
Ademais, o alumnado con menos recursos poderá beneficiarse dunha achega adicional de 400 euros, previa avaliación dos servizos sociais municipais.
Prazo e requisitos de inscrición
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto dende o 21 de novembro ata o 4 de decembro, ambos os dous días incluídos. A inscrición inicial realizarase a través dunha ficha específica dispoñible na web de Educación do Concello. Posteriormente, esta deberá completarse entregando a documentación requirida nos rexistros oficiais municipais.
As bases completas e os detalles da convocatoria xa están dispoñibles na páxina web do Concello e no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O Goberno local anima a todas as familias a consultar as condicións e a aproveitar esta oportunidade única para o futuro académico e persoal dos seus fillos e fillas.