O Concello inicia a demolición dos muros do parque do Observatorio para abrir un gran espazo verde na Agra

O Concello da Coruña comezou hoxe a derruba dos muros exteriores do parque do Observatorio, nunha primeira fase centrada no ámbito da rúa Canceliña. A intervención dá cumprimento ao compromiso de abrir á veciñanza da Agra do Orzán un espazo verde longamente demandado polo barrio.
A alcaldesa, Inés Rey, salientou que se trata dun “avance histórico” que permite dar forma a unha nova área de lecer e encontro. Lembrou que, pola densidade urbanística e a falta de solos dispoñibles no barrio, a posta en valor dos terreos do Observatorio era unha actuación clave na folla de ruta municipal.
O impulso definitivo chegou en xuño, cando o Concello obtivo a concesión demanial dos terreos da AEMET, condición necesaria para poder actuar. Durante o verán acometeuse a remodelación dos peches interiores da axencia, paso previo á demolición dos muros exteriores que impedían o acceso ás zonas verdes. En paralelo, o Concello traballa xa no deseño do proxecto de acondicionamento da superficie que se abrirá á cidadanía e nos seus futuros usos.
A rexedora recoñeceu o papel da veciñanza, que mantivo viva unha reivindicación “xusta e necesaria”, e agradeceu a súa paciencia nun proceso que requiriu acordos interadministrativos e colaboración con propietarios privados.
A futura configuración do parque incluirá accesos desde Canceliña e Gregorio Hernández e sumarase a ela unha ampliación relevante: máis de 3.000 metros cadrados do antigo soar das Adoratrices, achegados mediante cesión gratuíta recollida nun convenio urbanístico aprobado polo Pleno a finais de xullo. Ademais de dar cumprimento a unha sentenza firme do TSXG sobre a ordenación do ámbito POL M-22, este acordo permitirá incorporar esa superficie como área verde e espazo libre de uso público, que será urbanizada pola promotora titular do terreo.