O concello de Vilasantar limita o uso da auga municipal só a consumo humano

ACoruñaXa
A seca prolongada obriga a suspender regas, baldeos e enchido de piscinas
VILASANTAR sequia
20 Aug 2025

O Concello de Vilasantar vén de anunciar unha restrición temporal no uso da auga municipal, que queda limitada exclusivamente ao consumo doméstico. Esta medida débese á situación climatolóxica adversa, que provoca que os depósitos municipais non se recuperen ao ritmo previsto, mentres que o caudal de fontes e ríos do municipio continúa descendendo.

Con esta restrición, quedan prohibidos regas de xardíns, baldeos de rúas, limpezas de fachadas, enchido de piscinas e calquera outro uso non esencial da auga. O Concello fai un chamamento á cidadanía para que faga un uso responsable e racional deste recurso, priorizando sempre as necesidades básicas.

Ademais, o Concello lembra á veciñanza que regularice calquera recibo pendente para seguir contando co servizo. Está tamén totalmente prohibido realizar enganches ou utilizar a auga sen a correspondente alta e autorización municipal, co obxectivo de garantir que todos os veciños teñan acceso ao recurso.

As autoridades municipais advirten de que estas medidas permanecerán en vigor ata que se recuperen os niveis de auga suficientes e fan un chamamento á colaboración cidadá para minimizar o impacto da seca na comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.65297603607178