O Concello de Vilasantar acolle o curso Reto Rural Dixital para persoas maiores

O Concello de Vilasantar está a desenvolver durante os meses de xullo e agosto o curso Reto Rural Dixital, impartido pola Cruz Vermella, no que participan unha ducia de persoas maiores. Esta formación céntrase na adquisición de habilidades dixitais básicas que faciliten o acceso a trámites, comunicación e lecer.
Os martes e xoves pola mañá, os alumnos ocupan o salón de plenos durante dúas horas para aprender tarefas prácticas como realizar compras por Internet, consultar información, manexar dispositivos ou editar vídeos e fotos. O curso é de carácter práctico, con grupos pequenos e apoio visual constante para garantir unha atención personalizada.
O alcalde, Fernando Fernández Pérez, agradece a colaboración da Cruz Vermella e destaca o valor desta iniciativa para reducir a fenda dixital, especialmente nun municipio pequeno onde as persoas maiores representan unha parte significativa da poboación.
Este programa forma parte do proxecto Reto Rural Dixital, que se imparte en concellos de até 5.000 habitantes e está financiado con fondos europeos Next Generation.