O Concello de Sada saca a licitación as obras de humanización do Parque do Porto

ACoruñaXa
O proxecto, cun orzamento base de 215.477,18 euros e un prazo de execución de seis meses, prevé novas zonas de xogo, máis vexetación e melloras de accesibilidade
SADA parquepuerto
26 Oct 2025

O Concello de Sada vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de humanización do Parque do Porto, unha actuación incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 215.477,18 euros e establece un prazo de execución de seis meses a partir do inicio das obras. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de novembro de 2025.

A intervención ten como obxectivo converter o Parque do Porto nun espazo público máis verde, accesible e integrador, plenamente conectado co Paseo Marítimo e pensado para o uso interxeracional. O deseño prevé a creación de tres áreas diferenciadas para nenos, adolescentes e persoas maiores, co fin de responder ás necesidades de lecer de diferentes faixas de idade e favorecer a convivencia no mesmo ámbito urbano.

Entre as principais actuacións recóllese a instalación de novos xogos infantís e equipamento específico para mocidade, así como a mellora do mobiliario urbano, con bancos, mesas, papeleiras, fontes e a renovación da iluminación. O proxecto tamén reforza a presenza de zonas axardinadas e sombra, incorporando máis elementos verdes que aporten confort e melloren a calidade ambiental do espazo.

O alcalde de Sada, Benito Portela, salientou que esta obra 'forma parte da aposta continua do Goberno local pola recuperación e humanización dos espazos públicos, facendo de Sada unha vila máis amable, verde e accesible para veciños e visitantes'. Portela enmarca esta actuación nunha liña de políticas municipais orientadas a recuperar lugares de convivencia e poñelos ao servizo da cidadanía.

Toda a documentación técnica e administrativa da licitación, incluídos os pregos, está dispoñible no perfil do contratante do Concello de Sada, onde as empresas poden consultar as condicións de participación e os requisitos para optar á execución das obras.

⚙ Configurar cookies
0.074156999588013