O Concello de Sada pechou 2024 cun remanente de 6,6 millóns

O Concello de Sada vén de facer pública a liquidación orzamentaria do exercicio 2024, que presenta unhas contas municipais claramente saneadas e en equilibrio. Segundo os datos recollidos no informe de Intervención, o Goberno local rematou o ano cun remanente de tesourería para gastos xerais de 6,6 millóns de euros, unha cifra que se sitúa en niveis moi elevados e que ofrece unha ampla marxe de solvencia para afrontar imprevistos ou necesidades futuras.
Ademais, o orzamento de 2024 pechouse cun superávit de 1.467.260,32 euros, o que supón o cumprimento estrito dos obxectivos establecidos pola Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Financeira. Esta normativa establece que os superávits deben destinarse a reducir o endebedamento neto das administracións públicas.
Neste sentido, a débeda viva do Concello de Sada representa actualmente unicamente o 7,32 %, e está limitada ás obrigas adquiridas coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Esta baixa porcentaxe permite ao goberno local facer uso tanto do superávit como do remanente, conforme á normativa vixente, para continuar impulsando investimentos ou melloras de servizos.
Outro dato relevante é o incremento nos ingresos municipais, grazas a unha execución orzamentaria superior á prevista inicialmente. Esta boa xestión, segundo destaca Intervención, permite deducir unha situación financeira solvente do Concello de Sada a finais de 2024.
Desde o Goberno local salientan que estas cifras evidencian a responsabilidade coa que se están a xestionar os recursos públicos e consolidan un modelo de administración eficiente e sostible. A liquidación será presentada ao pleno ordinario nas vindeiras semanas para o seu coñecemento por parte de todos os grupos da corporación.