O Concello de Sada mantén unha reunión co ANPA do CEIP de Sada e Contornos

O alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de Educación, Deporte e Xuventude, Rebeca Mouriño, mantiveron unha reunión co ANPA do CEIP Sada e Contornos, á que tamén asistiu o director do centro educativo. A xuntanza, solicitada pola propia asociación de nais e pais a todos os grupos políticos con representación no Concello, foi atendida en primeiro lugar polo executivo local.
Durante o encontro, o alcalde expuxo á comunidade educativa a evolución do proxecto de ampliación do centro, subliñando a súa complexidade tanto desde o punto de vista técnico como urbanístico. Neste senso, explicou que a actuación require un proceso de expropiación que implica un estudo e tramitación exhaustivos. “Hai uns meses nin sequera existía un proxecto de expropiación como tal, e grazas ao impulso dado polo executivo, hoxe xa está practicamente rematado”, destacou Portela, quen sinalou que se trata dun paso clave para avanzar cara á ampliación do CEIP.
O Goberno local reiterou o seu compromiso firme co proxecto, sendo consciente da súa necesidade para mellorar as condicións do alumnado e do profesorado. Porén, tamén deixou claro que “a construción do novo edificio corresponde á Xunta de Galicia, polo que a vontade municipal, aínda sendo decidida e clara, non é suficiente por si soa para facer realidade esta ampliación”.
O executivo lembrou, ademais, o esforzo realizado nos últimos anos para mellorar a atención educativa no centro, habilitando o servizo de comedor dentro do recinto escolar e promovendo reformas que permitiron ampliar espazos e aulas.
O Concello comprometeuse a seguir informando o ANPA sobre a evolución do expediente, mantendo a liña de comunicación directa e transparente que vén aplicando nos consellos escolares do centro, onde o alcalde participa persoalmente para dar conta da situación e resolver as dúbidas da comunidade educativa.