O Concello de Sada lanza o programa de saídas de balde ‘Visita e Coñece Galicia’

O Concello de Sada pon en marcha unha nova edición do programa Visita e Coñece Galicia, unha iniciativa que ofrece saídas de balde para descubrir o patrimonio cultural, natural e histórico de Galicia. Xa está dispoñible a listaxe de solicitantes con praza adxudicada e de agarda para a excursión á Costa de Dexo, que se celebrará o vindeiro domingo 16 de marzo.
O 26 de marzo pecharase o prazo para inscribirse na saída medioambiental á ETAP A Telva, que terá lugar o 29 de marzo. Nos próximos días abriranse as inscricións para novas saídas.
AS SAÍDAS
O 6 de abril organizarase unha visita ao Encoro Abegondo-Cecebre, unha actividade medioambiental en colaboración coa SGHN. O 20 de abril terá lugar unha excursión a Toxosoutos para descubrir a historia entre fervenzas de Lousame. O 3 de maio os participantes poderán visitar San Andrés de Teixido, Cedeira e Pontedeume dentro da modalidade de lecer e cultural. O 11 de maio celebrarase o Roteiro Costa Doce, unha actividade medioambiental que conta coa colaboración da SGHN. O 31 de maio realizarase o Roteiro da Auga de Zas, unha xornada de sendeirismo. O 1 de xuño organizarase unha saída á Serra do Careón, outra actividade medioambiental coa SGHN. Finalmente, o 15 de xuño programouse unha ruta de sendeirismo pola Costa de Lira, en Carnota.
O programa busca fomentar o contacto coa natureza, a historia e a cultura galega a través de experiencias directas no territorio. As prazas son limitadas, polo que desde o Concello recomendan estar atentos aos prazos de inscrición para garantir a participación nestas enriquecedoras saídas.