O Concello de Sada inviste na estabilización da Capela de San Roque

ACoruñaXa
Un proxecto de case 60.000 euros buscará garantir a seguridade da fachada e protexer este emblemático inmoble histórico
Capela de San Roque en Sada
17 Jan 2025

O Concello de Sada vén de licitar un proxecto para estabilizar a Capela de San Roque, unha actuación urxente destinada a garantir a seguridade e integridade desta edificación histórica. Cun orzamento de 58.773 euros, o proxecto consiste na instalación dun sistema de acodalamento para estabilizar a fachada principal, na que nas últimas semanas apareceron danos e fendas preocupantes.

As obras, cuxa duración estimada é de dous meses, teñen como obxectivo frear o deterioro actual e evitar riscos maiores. O Concello anunciou que pechará o tránsito peonil na zona frontal da Capela e restrinxirá temporalmente o acceso ao interior do edificio para garantir a seguridade da veciñanza mentres duren os traballos.

A Capela de San Roque ten sido un espazo de grande relevancia para a comunidade de Sada, empregándose tanto para exposicións como para a celebración de vodas. Por iso, esta intervención é clave para preservar o seu valor histórico e social. As empresas interesadas na licitación teñen de prazo ata finais de mes para presentar as súas propostas.

 

0.15623879432678