O Concello de Sada continúa colaborando con ACESADA para impulsar o comercio local

ACoruñaXa
O encontro supuxo o inicio dunha nova etapa de diálogo e colaboración co tecido comercial
sada-comercio
20 Jun 2025

O alcalde de Sada, Benito Portela, mantivo unha primeira reunión coa nova directiva da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (ACESADA), acompañado por membros do equipo de goberno e da técnica de Emprego e Desenvolvemento Local. O encontro supuxo o inicio dunha nova etapa de diálogo e colaboración co tecido comercial do municipio, co obxectivo de compartir propostas e trazar estratexias conxuntas para dinamizar a economía local.

A xuntanza produciuse nun contexto favorable para a actividade económica de Sada. Nos últimos meses, abriron novos establecementos comerciais cunha oferta variada, e os datos de emprego avalan esta tendencia positiva. A taxa de paro sitúase no 8,7 %, con 695 persoas desempregadas fronte ás 739 rexistradas hai un ano. Ademais, o número de persoas ocupadas medrou en máis de cen, ata acadar as 6.847.

“Somos un municipio dinámico cunha oferta comercial e hostaleira moi atractiva para veciños e visitantes, así que temos que traballar para aproveitar este feito e transformalo en máis oportunidades para os empresarios e empresarias da nosa localidade”, salientou Portela.

O executivo municipal puxo en valor este dinamismo e animou á nova directiva de ACESADA a sumar esforzos para reforzar a implicación de todo o sector comercial. O obxectivo común é consolidar unha oferta atractiva que promova o consumo local durante todo o ano.

Entre os temas abordados na reunión destacou a preocupación polo estacionamento no centro urbano. Neste sentido, o goberno local levará ao próximo pleno ordinario a proposta de aprobación definitiva da nova Ordenanza de Tráfico e Mobilidade, que inclúe a creación de zonas de aparcamento de rotación para facilitar o acceso á zona comercial. Así mesmo, estase a traballar na habilitación de novos espazos de estacionamento disuasorio, tomando como referencia os situados en As Brañas, malia as limitacións de solo no centro da vila.

Outras demandas do sector, como a renovación ou ampliación do mobiliario urbano e a mellora da limpeza das rúas, tamén foron recollidas polo goberno local. Ademais, comprometeuse a intensificar a oferta de accións formativas destinadas a comerciantes e empresarios, facilitando o acceso ás mesmas co fin de reforzar as capacidades do sector.

“Desde o Concello de Sada valoramos positivamente esta primeira toma de contacto e desexamos éxito á nova directiva de ACESADA, coa que agardamos avanzar na posta en marcha de accións conxuntas que continúen fortalecendo o tecido económico local”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.17257499694824