O Concello de Sada celebra a declaración do Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural

O Concello de Sada celebrou a declaración oficial do Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural (BIC), un recoñecemento que o Goberno local cualifica como “merecido” para un espazo que consideran clave para comprender a historia cultural e artística de Galicia ao longo do século XX.
Desde o executivo que lidera Benito Portela valórase esta catalogación como un “paso positivo” cara á protección e posta en valor dun fondo artístico e documental “irrepetible”, no que se conservan obras de figuras senlleiras como Castelao, Maruja Mallo, Luís Seoane, Laxeiro ou Urbano Lugrís, entre outros.
O Goberno local lembrou que o valor patrimonial do complexo do Castro transcende o propio museo, ao formar parte do proxecto de Sargadelos impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, unha iniciativa que, segundo destacan, “revolucionou a relación entre industria, arte e cultura en Galicia”. Nesta liña, subliñan tamén a figura de Carmen Arias de Castro, coñecida como ‘Mimina’, cuxos terreos familiares serviron de base para levantar o complexo industrial, malia non constar como socia fundadora.
A declaración do Museo Carlos Maside como BIC, segundo o Concello, debería ser o punto de partida para que todas as administracións colaboren cun obxectivo común: garantir unha fórmula de apertura “sostible no tempo” que asegure o futuro do museo como referente cultural galego. “Dende o Concello sempre teremos a man tendida para colaborar na apertura e promoción deste museo”, sinalou o alcalde Benito Portela.
Con esta incorporación, o municipio de Sada suma xa tres bens inmobles recoñecidos oficialmente como Ben de Interese Cultural: A Terraza, o Pazo de Meirás e agora tamén o Museo Carlos Maside. “Confirmando o importante patrimonio histórico e cultural co que contamos no municipio”, apuntou Portela.