O Concello de Sada avanza cara unha solución estrutural para reducir o risco de inundacións

O Concello de Sada levará ao pleno ordinario de marzo a proposta de aprobación do convenio de colaboración con Augas de Galicia para acometer as obras de mellora estrutural destinadas a reducir o risco de inundacións na vila. Este acordo permitirá que as actuacións previstas se incorporen ao patrimonio público municipal e sentará as bases para a súa licitación, prevista para finais de ano.
O proxecto ten como obxectivo principal mellorar a capacidade de drenaxe na desembocadura do río Maior. Para iso, abriranse tramos actualmente canalizados e crearánse canles de alivio nas marxes do río. Ademais, estas intervencións implicarán unha reordenación do tráfico no centro de Sada, tanto rodado como peonil, coa creación de novos carrís de acceso e o deseño de calzadas compartidas. O plan urbanístico incluirá novas zonas verdes e espazos de lecer, integrando o río na trama urbana de Sada nunha iniciativa pioneira en Galicia.
A proposta encaixa coas directrices normativas e de planificación hidráulica vixentes na Xunta de Galicia, as políticas europeas nesta materia e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. Estes marcos normativos promoven a restauración ambiental dos ríos mediante solucións que compatibilicen a prevención de inundacións coa rexeneración dos ecosistemas fluviais.
O investimento total das obras ascende a 7,1 millóns de euros, financiados a partes iguais entre Augas de Galicia e o Concello de Sada. Para este ano prevese un orzamento de case 360.000 euros, mentres que en 2026 Augas de Galicia destinará 4,3 millóns de euros. O Concello xa reservou os fondos correspondentes á súa achega en 2025.
Desde o goberno local agradecen o compromiso de Augas de Galicia para executar esta obra esencial para a seguridade da vila e sinalan que seguirán traballando para implicar outras administracións, en especial o Goberno central, que ten manifestado o seu apoio a este tipo de solucións como unha estratexia clave na loita contra os efectos do cambio climático.