O Concello de Sada acometerá a mellora das instalacións deportivas, educativas e culturais municipais

ACoruñaXa
O executivo de Sada reserva ademáis unha partida de 243.000 euros para a construción do módulo deportivo de Mondego á espera de que a Xunta de Galicia clarifique a súa achega para esta infraestrutura logo do aumento dos custes
Imaxe do campo Andrés Pena As Mariñas onde se destinan 62.000 euros
24 Xuño 2024

Unha das liñas de actuación do mandato do executivo de Benito Portela pasa por mellorar o estado das distintas infraestruturas deportivas coas que conta o Concello de Sada. Neste sentido, o goberno local proporá ó pleno da corporación o respaldo a unha serie de investimentos ós que se adicarán preto de 200.000 euros.

Unha das principais actuacións está centrada nos campos de fútbol municipais. Neste sentido o Concello informa de que nas vindeiras semanas darán comezo os traballos de renovación do céspede do campo de fútbol de Carnoedo. Como complemento a esta actuación, dende a Concellería de Deportes proponse mobilizar parte do remanente para adicalo ó peche perimetral deste campo de fútbol. O goberno local tamén investirá 62.0000 euros na mellora das instalacións do Campo de Fútbol municipal de Sada.

Por outra banda, dende o departamento que dirixe a concelleira Rebeca Mouriño levan meses traballando na mellora das instalacións do Pavillón Municipal de Deportes. Co obxectivo de ampliar estes traballos, o goberno local propón destinar 70.000 euros para distintas actuacións. Ademais, dende Deportes impulsarán a execución dun mural artístico para poñer en valor o edificio municipal tamén dende o punto de vista cultural.

Outras actuacións que o goberno local contempla realizar con cargo ó remanente son a reparación do peche da pista deportiva de Meirás e o estudo e posterior redacción de proxecto para cubrir unha das pistas deportivas de Sada.

Mellora das instalacións educativas e culturais do municipio

Conscientes da necesidade de continuar mellorando os servizos e infraestruturas educativas do municipio, o goberno local propón empregar parte do remanente de tesoureiría para financiar unha serie de actuacións prioritarias. Entre os proxectos inclúese a reparación e modernización das pistas polideportivas do CEIP Pedro Barrié de la Maza de Mondego, cun importe de 70.000 euros. Ademais, destinaranse 80.000 euros para melloras na Escola Infantil, abarcando traballos que van dende a reparación da cuberta, a mantemento e acondicionamento dos espazos interiores.

A Casa da Cultura tamén será obxecto de melloras, cun investimento de 40.000 euros destinados á limpeza e reparación de fachadas e cuberta. En canto á Capela de San Roque, levarase a cabo a reparación da fachada para combater as fendas existentes e manter así un emblema do municipio, cun proxecto valorado en 47.000 euros.

0.19691109657288