O Concello de Paderne urxe retirar un poste en perigo de derrubamento

O Concello de Paderne traslada de xeito público a súa denuncia á empresa telefónica competente debido á súa inacción á hora de retirar un poste en perigo de derrubamento situado no lugar de Chantada, na parroquia de Souto.
“Desde hai meses, a instalación atópase en mal estado. Só a simple vista, é evidente que o poste corre o risco de caer sobre a vía”, apunta o alcalde, Sergio Platas, que explica que o Concello solicita “de xeito recorrente” a intervención por parte da empresa telefónica.
“É a única competente para retirar o poste”, aclara o rexedor, que recoñece que “existe preocupación” tanto no equipo de goberno como por parte da veciñanza, “da que recibimos mensaxes a través de diferentes vías nas que solicitan unha intervención”.
Unha vez detectada esta deficiencia meses atrás, o Concello de Paderne, segundo expón, púxose en contacto coa empresa responsable e completou todos os trámites oportunos para retirar o poste. Desde entón, as solicitudes de actuación son continuas, pero a resposta efectiva é nula.
“Lamentamos o pouco interese da empresa telefónica e esiximos unha actuación inmediata ante o evidente perigo que existe para a nosa veciñanza e para os numerosos peregrinos e peregrinas que pasan polo punto, xa que se atopa no Camiño de Santiago. É unha casualidade que, despois destes días de temporal, o poste aínda siga en pé. Débese actuar xa”, sentencia Platas.