O Concello de Paderne reforza a formación da mocidade con clases gratuítas e novas técnicas de estudo

ACoruñaXa
Máis de 60 estudantes benefícianse dun completo programa educativo que inclúe apoio en idiomas, matemáticas e informática, buscando potenciar o seu rendemento académico
Imaxe do reforzo educativo en Paderne
3 Out 2024

Desde o pasado 1 de outubro, máis de 60 mozos e mozas de Paderne benefícianse das clases de reforzo escolar ofrecidas de balde polo Concello. Esta iniciativa, que inclúe unha ampla variedade de actividades educativas, está destinada a estudantes de entre 3 e 16 anos e desenvolvese en distintas dependencias da Casa Consistorial, como a Biblioteca e a Aula de Informática.

Este curso, a gran novidade é a introdución das Técnicas de Estudo, que busca dotar ao alumnado de ferramentas prácticas para mellorar a súa aprendizaxe en todas as materias. Ademais, o programa mantén o apoio en Inglés (para Infantil, Primaria e Secundaria), Matemáticas (Primaria e Secundaria), Lingua Galega (Primaria) e Lengua Castellana (Primaria). Os estudantes tamén teñen a opción de mellorar as súas competencias dixitais con clases de Informática, ofrecidas en niveis de iniciación e perfeccionamento.

As clases impártense de luns a venres en horario de tarde, de 16.00 a 20.30 horas, nas instalacións municipais habilitadas. Estas actividades de apoio escolar son financiadas integramente polo Concello de Paderne, o que destaca a súa aposta pola educación como un piar fundamental para o desenvolvemento da comunidade.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, subliña a importancia desta iniciativa afirmando que “a mocidade é o futuro do noso concello. Como institución máis próxima á veciñanza, debemos facer un esforzo por ofrecer servizos que aseguren a formación integral dos nosos mozos e mozas”.

Ademais, o Concello está a traballar nunha nova oferta de actividades de ocio e lecer para complementar estas accións formativas, consolidando a súa aposta polo benestar e desenvolvemento da mocidade. Entre os servizos gratuítos que ofrece o concello tamén destacan o transporte de viaxeiros, a podoloxía e as aulas de conciliación, facendo de Paderne unha localidade que aposta polo apoio directo á súa cidadanía.

0.1057288646698