O Concello de Paderne organiza unha viaxe sociocultural a Cantabria para a veciñanza

ACoruñaXa
A iniciativa, en réxime de pensión completa, contará cun total de 54 prazas dispoñibles
casa-concello-paderne
29 May 2025

O Concello de Paderne prepara para o mes de setembro unha nova proposta sociocultural dirixida á súa veciñanza: unha excursión organizada a Cantabria con paradas en cidades emblemáticas do norte peninsular como Oviedo, Santander, Comillas, Santillana del Mar ou Xixón. A iniciativa, en réxime de pensión completa, desenvolverase entre os días 4 e 7 de setembro e contará cun total de 54 prazas dispoñibles.

A viaxe inclúe todos os servizos: transporte en autobús, aloxamento en hotel, comidas, seguro de viaxe, visitas guiadas e entradas a espazos culturais destacados como a Neocova de Altamira e o Museo da Inquisición. O prezo por persoa será de 388 euros se se superan as 45 inscricións. Se a cifra de participantes se sitúa entre 40 e 45, o prezo increméntase en 21 euros. En calquera caso, establécese un mínimo de 40 persoas para que a actividade poida levarse a cabo.

A inscrición estará aberta ata o 10 de xuño nas oficinas municipais. O pago poderá realizarse en dúas partes: un primeiro ingreso de 70 euros como reserva, e o resto deberá abonarse quince días antes da saída.

Desde o Goberno local destacan que esta non é unha simple viaxe de lecer, senón unha proposta que busca fomentar o coñecemento cultural e o intercambio entre veciños e veciñas. “Visitaranse lugares de gran valor histórico e artístico, así como un dos museos máis significativos para a historia da humanidade, como é o das covas de Altamira”, sinalan.

O ITINERARIO

O itinerario da viaxe comezará o día 4 de setembro, cando o grupo sairá de Paderne ás oito da mañá con destino a Oviedo. Unha vez alí, realizarase unha visita guiada á cidade e os participantes comerán nun restaurante local. Pola tarde, desprazaranse ata Cantabria, onde se procederá á distribución das habitacións no hotel. Despois, disporán de tempo libre antes da cea e o aloxamento.

Ao día seguinte, 5 de setembro, despois do almorzo, o grupo visitará Santander cun guía oficial. Tras a comida, farán un paseo en barco pola baía da cidade. Haberá tempo libre antes do regreso ao hotel, onde cearán e pasarán a noite.

O 6 de setembro comezará cun almorzo seguido dunha visita guiada a Santillana del Mar. Alí, accederán ao Museo da Inquisición e á Neocova de Altamira. Tralo xantar, a tarde dedicarase á visita libre pola vila de Comillas, antes de regresar ao hotel para a cea e o descanso.

Por último, o 7 de setembro, tras o almorzo, o grupo partirá cara Xixón, onde está prevista unha visita guiada pola cidade e unha nova comida. A volta a Paderne realizarase esa mesma tarde, facendo varias paradas no traxecto.

⚙ Configurar cookies
0.16132998466492