O Concello de Paderne organiza unha saída ao Hotel Spa Attica21 de Vilalba para maiores de 60 anos

O Concello de Paderne abre o programa de saídas ao balneario cunha actividade prevista para o martes 26 de novembro, que terá como destino o Hotel Spa Attica21 de Vilalba, na provincia de Lugo. A iniciativa está pensada para persoas de 60 anos ou máis, preferentemente empadroadas no municipio, e que non precisen apoio para realizar a actividade.
A saída está programada ás 9.30 horas desde a Casa do Concello, en autobús, con chegada ao spa arredor das 11.00 horas. A sesión de balneario desenvolverase entre as 11.00 e as 12.00 horas, e o regreso a Paderne está previsto para as 14.00 horas. O prezo por participante é de 10 euros, que inclúe o transporte, o servizo de monitorado e o acceso ás instalacións termais.
O Concello lembra que as prazas son limitadas e que é necesario realizar a inscrición previa chamando ao teléfono 981 79 70 01 ou escribindo ao correo cultura@concellodepaderne.com.
Esta saída forma parte das actividades municipais dirixidas á poboación maior, co obxectivo de fomentar o benestar, a convivencia e o envellecemento activo a través de propostas saudables e de lecer.