O Concello de Paderne ofrecerá actividades de reforzo educativo gratuítas para escolares a partir de outubro

ACoruñaXa
Impartiranse nas dependencias da Casa Consistorial habilitadas, coa novidade das Técnicas de Estudo
Imaxe recurso estudos
28 Ago 2024

O Concello de Paderne lanzará este mes de outubro seis actividades de reforzo educativo dirixidas aos escolares do municipio de entre 3 e 16 anos. Este servizo, que será completamente gratuíto para as familias, inclúe como novidade as Técnicas de Estudo, unha materia que proporcionará ferramentas para mellorar a aprendizaxe de forma transversal en todas as áreas.

Ademais desta nova incorporación, o Concello tamén ofrecerá apoio en Inglés (para Infantil, Primaria e Secundaria), Matemáticas (Primaria e Secundaria), Lingua Galega (Primaria) e Lengua Castellana (Primaria). Os estudantes poderán mellorar as súas habilidades dixitais a través de clases de Informática, dispoñibles en niveis de Iniciación e Perfeccionamento.

As actividades levaranse a cabo na Biblioteca, na Aula de Informática e no Local de Actividades da Casa Consistorial, en horario de tarde de luns a venres, entre as 16.00 e as 20.30 horas.

O alcalde, Sergio Platas, subliñou a importancia de proporcionar á mocidade os recursos necesarios para o seu desenvolvemento integral, destacando que a educación é clave para o futuro do municipio. Resaltou tamén que estas actividades serán totalmente gratuítas, considerándoas un investimento necesario para mellorar a vida dos habitantes de Paderne.

O prazo de inscrición para estas actividades finaliza o 23 de setembro. Unha vez pechado o prazo, estableceranse os horarios definitivos. As familias recibirán unha carta con toda a información detallada sobre a iniciativa e o proceso de inscrición, que poderá realizarse presencialmente no Concello ou a través da web municipal.

Ademais, o Concello de Paderne está preparando unha programación de actividades lúdicas para os menores, que se desenvolverán ao longo de todo o ano, co obxectivo de ofrecer oportunidades de ocio onde poidan socializar, divertirse, aprender e compartir con outros compañeiros e compañeiras.

0.19308090209961