O Concello de Paderne investirá máis de 60.000 euros na mellora de vías en Souto e Viñas

O Concello de Paderne destinará 60.369,32 euros a dous proxectos de pavimentación de vías nas parroquias de Souto e Viñas, tras aprobarse por unanimidade no pleno municipal nunha sesión extraordinaria celebrada a finais de febreiro.
Este investimento realizarase a través do Plan Camiña Rural para o período 2025-2026, quedando pendente a aprobación definitiva dos proxectos por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
As actuacións previstas inclúen a mellora do Camiño de Lambre, en Viñas, cunha intervención ao longo de 1.020 metros lineais. Os traballos consistirán no refino e planeo da vía, a apertura de cunetas e a instalación dun firme de pedra, seguido dun aglomerado de cinco centímetros de espesor. O orzamento destinado a esta actuación, sen IVE, ascende a 32.157,34 euros.
Así mesmo, levarase a cabo un proxecto similar no Camiño Gas, en Souto, nun tramo de 337 metros. Esta intervención contará cun investimento de 9.253,57 euros, tamén sen IVE.