O Concello de Paderne inicia obras de mellora viaria e canalización no lugar de Gas, en Souto

Esta semana deron comezo as obras de reparación da vía e canalización no lugar de Gas, pertencente á parroquia de Souto, no termo municipal de Paderne. Debido aos traballos en marcha, a estrada permanecerá temporalmente cortada ao tráfico rodado.
A intervención inclúe a escavación do terreo necesaria para levar a cabo a instalación dun colector soterrado, unha arqueta de formigón e varios sumidoiros. Ademais, procederase á renovación integral do firme co obxectivo de mellorar tanto a seguridade como a conectividade entre os diferentes lugares da zona.
O alcalde, Sergio Platas, destacou a importancia deste tipo de actuacións para o benestar da veciñanza. “Trátase dun proxecto que mellorará non só a seguridade e os servizos, senón tamén a calidade de vida da veciñanza. Responde a unha liña de traballo á que damos e daremos continuidade nas vindeiras semanas, e así levamos facendo nesta lexislatura”, indicou.
O rexedor sinalou tamén que “é unha prioridade a mellora dos servizos, pero tamén das conexións interparroquiais e o incremento da seguridade da veciñanza”, deixando claro que estas accións forman parte dunha estratexia municipal máis ampla para reforzar as infraestruturas locais.