O Concello de Paderne implanta un servizo gratuíto de Madrugadores na Escola Unitaria de Viñas

ACoruñaXa
Un servizo que se ofrecerá a partir do próximo curso para facilitar a conciliación familiar e laboral das familias
Escola-paderne
12 Mar 2025

O Concello de Paderne, dirixido polo alcalde Sergio Platas, ofrecerá a partir do próximo curso escolar un servizo gratuíto de Madrugadores na Escola Unitaria de Viñas. Esta nova medida supón un avance significativo na atención á conciliación familiar e laboral, xa que permitirá que as familias poidan deixar aos seus fillos e fillas no centro educativo antes do inicio da xornada escolar.

O Goberno local destinará recursos aos orzamentos municipais para sufragar os custos deste servizo, que se suma ao xa existente na Escola Unitaria de Areas. Neste caso, o servizo tamén inclúe transporte, o que reforza a cobertura das familias con nenos e nenas nas Escolas Unitarias do municipio.

Con esta medida, o Concello de Paderne consolida o seu apoio ás escolas unitarias do municipio, seguindo a liña da súa campaña ‘Educa en Paderne, educa na casa’, que busca fomentar a matriculación da rapazada de tres a cinco anos nestes centros públicos. A campaña tamén destaca as vantaxes de recibir unha educación máis personalizada, centrada nas necesidades individuais dos alumnos e na experimentación constante.

As Escolas Unitarias de Viñas e Areas, que son públicas e dependen da Xunta de Galicia, son coñecidas pola súa capacidade para ofrecer unha educación máis cercana, vinculada aos valores de respeto pola natureza, a identidade local e os costumes tradicionais da terra. Neste sentido, a educación nas unitarias busca proporcionar aos nenos e nenas unha formación adaptada ás súas necesidades, á vez que se fomenta a integración e o respecto pola comunidade.

Esta iniciativa chega tras a finalización das obras de mellora nas instalacións das escolas de Viñas e Areas, que contaron cun investimento de preto de 100.000 euros, financiado con fondos propios do Concello. As melloras incluíron a renovación das infraestruturas, a creación de parques infantís máis modernos e seguros, e a mellora xeral do mantemento dos centros educativos.

 

⚙ Configurar cookies
0.24667882919312