O Concello de Paderne elimina as taxas pola expedición de documentos administrativos

ACoruñaXa
O alcalde, Sergio Platas, subliñou que busca "axilizar e facilitar os trámites administrativos para a veciñanza"
Paderne-Sergio-Platas-supresión-taxas
28 Feb 2025

O Concello de Paderne vén de aprobar a derogación da ordenanza fiscal nº4, que regulaba a taxa por expedición de documentos administrativos. A medida foi proposta polo Goberno local e recibiu o apoio unánime de PSOE, PP e BNG, mentres que o concelleiro non adscrito, Salvador García, votou en contra.

Ata agora, a veciñanza de Paderne tiña que pagar taxas para solicitar expedientes ou documentos municipais. Estas tarifas variaban segundo a natureza da documentación, gravando cada tramitación desde a súa iniciación ata a resolución final. Entre os custos destacaban as taxas por altas, baixas e modificacións no Padrón de habitantes, así como certificacións de empadroamento, residencia ou convivencia. Tamén se aplicaban taxas polo compulsado de documentos, copias de CD con datos e expedición de fotocopias.

O Goberno local, dirixido por Sergio Platas, solicitou un informe ao servizo de Secretaría-Intervención para avaliar o impacto da medida. As conclusións indicaron que a perda de ingresos por estas taxas non tería un "impacto significativo" no orzamento municipal, xa que nos últimos dous anos a recadación total apenas superou os 2.100 euros.

O alcalde, Sergio Platas, subliñou que a supresión desta taxa busca "axilizar e facilitar os trámites administrativos para a veciñanza". Ademais, destacou a importancia de eliminar unha desigualdade existente: "Os trámites a través da sede electrónica son gratuítoss, mentres que a atención presencial implicaba un custo. Isto prexudicaba especialmente á xente maior, que moitas veces carece de competencias dixitais para xestionar a documentación en liña". Con esta medida, o Concello de Paderne aposta por unha administración máis accesible e equitativa para toda a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.24979996681213