O Concello de Paderne destina preto de 400.000 euros en saneamento e pavimentación

O Concello de Paderne traslada un investimento dun total de 391.412,15 euros na mellora da rede de saneamento e na pavimentación das vías municipais. Estes fondos proceden integramente do POS+2025 da Deputación da Coruña e distribuiranse en dous proxectos: 198.627,06 euros para o saneamento na parroquia de Vilamourel e 192.785,09 euros para a pavimentación en Adragonte e Vigo.
En Vilamourel, a actuación levarase a cabo no lugar da Calzada, onde se instalarán 15 novos pozos para ampliar a cobertura da rede de saneamento. Con esta intervención, darase servizo ao único núcleo poboacional do municipio que non estaba incluído nas futuras actuacións previstas por Augas de Galicia, tanto na reparación de decantadoras existentes como na construción de novas instalacións.
Esta obra súmase ás reformas das decantadoras executadas polo Concello o pasado ano e ás auditorías externas realizadas para analizar en profundidade o estado das redes de abastecemento e saneamento. A partir desta análise, o goberno municipal elabora un plan de actuación integral para mellorar a xestión da auga no municipio. Ademais, continúan as negociacións con Augas de Galicia, que se comprometeu a estudar nos próximos seis meses as posibilidades técnicas para a histórica demanda de Paderne: a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
No apartado de pavimentación, o Concello actuará en máis de 2,6 quilómetros de vías nas parroquias de Adragonte e Vigo, cun investimento de 192.785,09 euros. Esta intervención enmárcase no proxecto municipal de mellora de pavimentos, que xa suma preto de 20.000 metros de novas capas de rodadura en todo o territorio.
A asignación dos fondos do POS+2025 foi aprobada esta mañá nun pleno extraordinario urxente, no que todos os grupos políticos votaron a favor. O alcalde, Sergio Platas, agradeceu o apoio unánime a estas iniciativas, que contribuirán a paliar as carencias estruturais do municipio. “O saneamento é unha prioridade absoluta do noso equipo de goberno e imos destinar todos os recursos posibles a esta área”, destacou. Así mesmo, Platas subliñou que a mellora das vías de circulación é outro dos eixos fundamentais da súa xestión, xa que “unhas estradas en bo estado garanten tanto comodidade como seguridade para a veciñanza”.
Por outra banda, o pleno municipal tamén aprobou por unanimidade o destino do POS+ Adicional, outra liña de financiamento anual da Deputación da Coruña. Segundo os criterios obxectivos da institución provincial, Paderne recibirá este ano 70.103,67 euros, que serán destinados a gasto corrente.