O Concello de Paderne consegue manter as súas escolas unitarias un curso máis

ACoruñaXa
Nos últimos meses, o Concello levou a cabo unha remodelación nos centros de Viñas e Areas
escuela-unitaria
24 Mar 2025

O Concello de Paderne logrou asegurar a continuidade das súas dúas escolas unitarias para o curso 2025-2026. A pesar do risco que supoñía a promoción dunha parte do alumnado actual á etapa de Educación Primaria, ambas as dúas escolas manteranse abertas grazas a que acadaron o número mínimo de matrículas esixido pola Xunta de Galicia.

Unha vez pechado o prazo de solicitude de praza, confirmouse que tanto a escola unitaria de Areas como a de Viñas contarán con seis alumnos e alumnas cada unha no vindeiro curso. Esta cifra garante a continuidade destes centros rurais, que seguen sendo unha opción educativa esencial para as familias da contorna.

O alcalde, Sergio Platas, celebrou este “éxito” e destacou que estas escolas son “un luxo” para a veciñanza de Paderne. Neste sentido, subliñou que un dos factores clave foi a aposta do Concello por reforzar os servizos de conciliación, como a implantación do programa de Madrugadores na escola de Viñas. Este servizo gratuíto para as familias xa estaba presente na escola de Areas e supón unha axuda fundamental para a conciliación familiar e laboral.

Ademais, o Concello continúa estudando novas formas de mellorar a oferta educativa e os servizos complementarios, mantendo a calidade do ensino personalizado que caracteriza estas escolas. O proxecto educativo garante que todo o currículo de Infantil está cuberto, cunha atención individualizada para cada neno e nena.

A aposta polo servizo de Madrugadores veu acompañada dun ambicioso plan de mellora das infraestruturas escolares. Nos últimos meses, o Concello levou a cabo unha remodelación nos centros de Viñas e Areas cun investimento preto dos 100.000 euros, financiados con fondos municipais. Estas obras permitiron mellorar as instalacións, renovar os espazos de xogo e dotar os centros de parques infantís máis modernos e seguros.

Todas estas accións enmárcanse dentro do plan ‘Educa en Paderne, educa na casa’, unha iniciativa destinada a fomentar a matriculación nos centros do municipio. Dentro deste programa, organizáronse xornadas de portas abertas, encontros con familias e campañas de difusión en redes sociais para dar visibilidade ás unitarias.

O alcalde quixo agradecer o esforzo de todas as persoas implicadas na defensa das escolas unitarias. “As nais e pais, e en especial Berta Picado, fixeron un traballo excepcional para promocionar estes centros. Tamén as profesoras e a veciñanza, que souberon valorar a importancia de manter estes recursos educativos en Paderne”, declarou Platas.

O rexedor tamén recoñeceu o labor dos medios de comunicación polo seu interese e seguimento da campaña #EducaEnPaderneEducaNaCasa. “É fundamental que este tema siga no debate diario, porque a educación é a base do futuro do noso municipio”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.17230415344238