O Concello de Paderne acomete obras de saneamento no lugar do Cruceiro

O Concello de Paderne vén de iniciar unha nova intervención na rede de saneamento no lugar do Cruceiro, pertencente á parroquia de Paderne. A actuación permitirá mellorar un servizo básico para a veciñanza sen pechar, por agora, a estrada ao tráfico rodado, aínda que se agardan posibles retrasos na circulación durante o desenvolvemento dos traballos.
A obra inclúe a demolición do pavimento exterior —de formigón, baldosas e losetas—, a escavación de zanxas en zonas de tránsito e a creación de pozos en terra branda. Está previsto instalar novos pozos de rexistro e colectores soterrados, co obxectivo de renovar e optimizar a rede de saneamento nesta área.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, subliñou a importancia da intervención, sinalando que “trátase dunha obra que permitirá rexenerar as condicións dun servizo imprescindible para a veciñanza, como é o do saneamento”. Platas engadiu que “intentamos localizar as zonas nas que son máis necesarias este tipo de intervencións, pero a nosa intención é dotar a absolutamente todas as parroquias e contar así cun sistema renovado que permita seguir mellorando as condicións de vida da nosa veciñanza”. O rexedor recoñeceu que “entendemos que é ambicioso poder facelo en todo o municipio, pero pouco a pouco vaise construíndo un Paderne mellor para vivir”.
Obras rematadas en Gas, na parroquia de Souto
En paralelo, o Concello informou tamén da finalización das obras no lugar de Gas, na parroquia de Souto, onde se levou a cabo a reparación da vía e a mellora da canalización. Alí realizáronse escavacións para a instalación dun colector soterrado, unha arqueta de formigón e varios sumidoiros que permitirán un funcionamento máis eficiente da rede.
Con estas actuacións, o goberno local continúa avanzando nun plan progresivo de renovación e mellora dos servizos básicos en todas as parroquias do municipio.