O Concello de Oza-Cesuras impulsa as actividades extraescolares 2025/2026 no CEIP Oza dos Ríos

O Concello de Oza-Cesuras vén de anunciar unha nova edición das actividades extraescolares para o curso 2025/2026 no CEIP Oza dos Ríos. A iniciativa, que conta coa colaboración do centro educativo e da ANPA, ten como obxectivo “mellorar a calidade educativa, fomentar a integración social, a cultura, o deporte e facilitar a conciliación familiar”.
A programación inclúe propostas variadas como patinaxe, urban dance, teatro, ximnasia rítmica, taekwondo, pintura e tenis/pádel. Todas estas actividades están deseñadas para estimular a creatividade, a expresión corporal e o deporte, atendendo aos diferentes intereses do alumnado.
As sesións realizaranse en diversos espazos do concello, como o CEIP Oza dos Ríos, o Pavillón Lois, a Casa do Concello e o Complexo Deportivo de Salto. O período de realización abranguerá dende outubro ata maio.
Desde o Concello confirman que a inscrición xa está aberta e animan ás familias a participar nun programa que busca ofrecer alternativas educativas de calidade fóra do horario lectivo.