O Concello de Oza-Cesuras enche de maxia a Semana Santa co seu campamento infantil

Os máis pequenos e pequenas do Concello de Oza-Cesuras viviron uns días inesquecibles grazas ao Campamento de Semana Santa organizado polo Goberno local. A iniciativa, que combina lecer e aprendizaxe, ofrece unha ampla variedade de actividades creativas como globoflexia, manualidades, debuxo e xogos cooperativos.
O ambiente está a ser unha verdadeira festa para a infancia, chea de risas, cor e momentos compartidos, nun espazo seguro e pensado para fomentar a socialización, o traballo en equipo e o desenvolvemento da imaxinación.
Desde o Concello, subliñan a importancia de propoñer alternativas de ocio educativo durante os períodos non lectivos, contribuíndo así á conciliación familiar e laboral. “Queremos que as familias conten con recursos que lles faciliten o día a día, á vez que os nenos e nenas desfrutan, aprenden e fan novas amizades”, sinalan desde a organización.