O Concello de Ordes presenta a súa programación para o Entroido 2025

O Concello de Ordes prepárase para celebrar o Entroido cunha ampla programación festiva que incluirá actividades para todas as idades. As festas comezarán o luns 3 de marzo cunha xornada de diversión no Pavillón Campomaior, a partir das catro e media da tarde. Os asistentes poderán desfrutar de obradoiros, glitter bar, flocos de millo, algodón de azucre, xogos xigantes e un photocall para capturar os mellores recordos do evento.
O sábado 8 de marzo terá lugar o tradicional Sábado de Piñata, cun desfile e concurso de disfraces que percorrerá as rúas do pobo. O Campo da Feira será o escenario principal desta celebración, que contará con premios en diversas categorías, como infantil, adulto, grupos e carrozas, cunha dotación de ata 700 euros para os mellores disfraces. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o 3 de marzo no rexistro xeral do concello.
A música tamén terá un papel destacado na festa, coa actuación da Charanga Mekánika, que porá ritmo e animación a unha xornada que promete encher as rúas de cor e alegría. O Entroido de Ordes preséntase así como unha cita imprescindible para gozar desta tradicional festividade cunha programación variada e chea de diversión.