O Concello de Ordes mellorará o acceso ao polígono industrial de Merelle cunha nova senda peonil

O Concello de Ordes ten previsto executar unha senda peonil que conectará a rotonda de acceso ao polígono industrial de Merelle coa zona do lugar do Conde, mellorando así a seguridade e accesibilidade na parte norte do parque empresarial.
O proxecto contempla a construción dun itinerario peonil de 855 metros de lonxitude, situado ao longo da marxe dereita da estrada N-550, entre os puntos quilométricos 33+595 e 34+450, cunha anchura de 1,8 metros. Para a senda, utilizarase formigón coloreado sobre unha base de grixo, delimitada con bordos, o que asegura unha superficie resistente e duradeira.
Ademais, para garantir a correcta evacuación das augas pluviais instalaranse tubaxes, pozos de rexistro, sumidoiros e unha rigola de formigón. O proxecto tamén prevé a instalación dun paso de peóns con dous sinais luminosos LED, aumentando a seguridade dos usuarios, así como a canalización do alumeado público mediante tubaxes e arquetas.
Previo á execución da senda, realizaranse movementos de terra e despexes, e construiranse 40 metros de muro con bloques de pedra granítica, equipado cunha varanda metálica para protexer a zona.
O investimento total para esta actuación ascende a máis de 200.000 euros, concretamente 207.827,99 euros (IVE incluído). Esta iniciativa conta cunha subvención de 120.000 euros concedida pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, dependente da Consellería de Economía e Industria. Esta axuda foi aprobada no DOG núm. 115 do 18 de xuño, ao abeiro da Orde do 7 de xaneiro de 2025, que regula as bases para as axudas destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
En conxunto, a Xunta investiu máis de 3 millóns de euros en proxectos similares para fomentar a competitividade e seguridade dos parques empresariais galegos.