O Concello de Ordes impulsa un proxecto de numeración dixital para os núcleos rurais

O Concello de Ordes continúa a dar pasos cara á modernización do seu territorio coa posta en marcha dun proxecto pioneiro de numeración dixital que permitirá organizar de forma eficiente os núcleos rurais do municipio. A iniciativa, desenvolvida en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural, conta cun investimento total de 149.560 euros e prevese que estea finalizada en 2027.
Así o explicou o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, durante o pleno municipal correspondente ao mes de abril, no que tamén se tratou a situación da urbanización do barrio do Paraíso. O rexedor detallou que xa se completou a primeira fase de adaptación do padrón municipal, e que o plan contempla tamén a actualización catastral, a creación dun padrón xeorreferenciado e o deseño de nova sinalización —incluíndo rótulos e vinilos para os inmobles— conforme á toponimia oficial e ao rueiro recollido no PXOM.
Esta actuación responde á demanda histórica da veciñanza e foi recuperada polo BNG durante o pleno, sinalando os frecuentes problemas no reparto de correo e paquetería por mor da desorganización na numeración de moitas zonas rurais.
Peticións sociais e avances no ámbito asistencial
Durante a quenda de rogos e preguntas, as concelleiras do PSdeG-PSOE solicitaron instar á Xunta á creación dun centro de atención a persoas con discapacidade e doutro de tipo ocupacional, así como a cesión dunha vivenda de uso social para facilitar procesos de vida independente.
A concelleira de Política Social, Susana García, respondeu que a competencia neste eido corresponde á Xunta de Galicia, que deriva os casos segundo criterios de dependencia e situación económica, e non pola localización xeográfica. García tamén repasou os servizos existentes no municipio, como os que ofrece Andaina Pro Saúde Mental, COGAMI, ou os cursos impartidos no Mesón do Vento, e anunciou que a entidade Sarela implantará un punto de atención para persoas con dano cerebral adquirido.
Barrio do Paraíso: pendentes de informes para a súa finalización
Outro dos temas recorrentes foi o estado da urbanización do barrio do Paraíso, que leva anos paralizada. O portavoz nacionalista, Pablo Vidal, pediu a implicación directa do Concello para desbloquear o proxecto. Martínez Sanjurjo afirmou que o goberno local mantivo múltiples encontros cos axentes implicados e puxo á disposición da promotora os medios necesarios para avanzar, aínda que esta non cumpriu os compromisos adquiridos.
O alcalde asegurou que o Concello xa ten aprobado o proxecto de urbanización, mais a falta de informes privados —como os de telecomunicacións ou subministración eléctrica— impide emitir unha valoración final. Non obstante, non se descartan medidas xudiciais para desbloquear a situación. Ao tempo, defendeu os avances nos equipamentos da zona, como o pavillón Castelao II, o pumptrack e o parque infantil Pilar Martínez.