O Concello de Oleiros sanciona con 204.000 euros a un madeireiro por talas ilegais

O Concello de Oleiros impuxo unha sanción de 204.000 euros a un madeireiro por realizar talas sen a correspondente licenza municipal en diversas zonas do municipio. O infractor, que opera a través dun entramado de tres empresas diferentes, tamén foi sancionado pola Inspección de Traballo por incumprimentos da normativa laboral.
Dende o Concello lembran á veciñanza a importancia de asegurarse de que os madeireiros que adquiran a súa madeira conten coa licenza municipal e actúen conforme á normativa vixente. Ademais, alertan de que se están producindo talas en montes privados sen acordo previo cos propietarios, polo que instan a denunciar estes feitos ante a Garda Civil e a poñelos en coñecemento do Concello.
O Plan Xeral e a Ordenanza de Talas do Concello de Oleiros establecen a obrigatoriedade de obter unha licenza municipal antes de iniciar calquera tala no municipio, independentemente da autorización que poida conceder a Xunta de Galicia.
Así mesmo, resaltan que é necesario cumprir as condicións establecidas polo Concello en materia de reforestación, conservación dos camiños e presentación de avais. Esta medida responde ao compromiso do Concello de protexer o medio ambiente e garantir unha xestión forestal responsable no municipio.