O Concello de Oleiros revela os resultados da enquisa municipal realizada en febreiro

O Concello de Oleiros presenta os resultados da enquisa municipal realizada durante o mes de febreiro, na que participaron 2.994 veciños e veciñas. O estudo permitiu coñecer a valoración da cidadanía sobre os servizos públicos e a xestión municipal, ademais de recoller propostas e suxestións para mellorar o funcionamento do Concello.
Segundo indican desde o Concello, os resultados amosan unha alta satisfacción por parte da veciñanza, cunha puntuación media de 7,58 para os servizos municipais. Á cabeza das mellores valoracións atópanse as escolas artísticas e as casas de préstamo para festas, mentres que o urbanismo aparece como a área que require máis melloras. A xestión municipal tamén obtén unha boa cualificación, cunha media de 7,23 puntos, destacando especialmente a atención do persoal municipal (7,64).
No ámbito político, a xestión do Goberno local recibe unha valoración de 6,8, mentres que o alcalde, Ángel García Seoane, obtén un 6,6. Entre os grupos políticos, Alternativa dos Veciños acada a mellor puntuación cun 7, seguido polo BNG (4,48), PSOE (3,72) e PP (2,99).
A enquisa tamén recolle opinións sobre proxectos en marcha, que contan cun amplo respaldo da cidadanía. Iniciativas como o multiusos de Bastiagueiro, a ampliación da ponte Pasaxe, a conexión da vía Ártabra coa AP-9, a creación da Artabriña ou o modelo urbanístico de baixa densidade contan cun apoio maioritario. Pola contra, os problemas máis mencionados pola veciñanza están relacionados coa mobilidade, como a mellora do transporte público e a redución dos atascos na rede viaria.
O alcalde Ángel García Seoane valorou positivamente a alta participación na enquisa e agradeceu os milleiros de comentarios recibidos. “As críticas foron na súa inmensa maioría construtivas, e terémolas en conta para seguir mellorando a xestión municipal. Non se poden abordar todas as cuestións á vez, pero iremos atendéndoas progresivamente nos vindeiros meses”, sinalou.
O Concello comprométese a analizar cada unha das achegas e a poñer en marcha cambios na xestión, novos servizos públicos e melloras nos programas municipais, ademais de reclamar a outras administracións aquelas cuestións que exceden as súas competencias.