O concello de Oleiros reúnese coas ANPA de Valle Inclán e Juana de Vega para abordar a falta de profesorado

O Goberno municipal reuniuse na Casa do Concello con representantes das ANPA dos colexios Valle Inclán e Juana de Vega. Na xuntanza, o Executivo local volveu expresar o seu apoio ás reivindicacións das familias en favor da calidade do ensino público e repasáronse os problemas detectados, así como posibles vías de solución nas que o Concello ofrece a súa colaboración.
Esta semana, representantes das ANPA desprazáronse ao Parlamento de Galicia para presentar formalmente as súas queixas e esixir medidas urxentes que garantan recursos docentes suficientes nos centros do municipio.
Desde o Concello sinalan que a Xunta de Galicia continúa sen dar resposta á falta de profesorado nos centros de Oleiros, unha situación que —apuntan— se está a agravar nos colexios do municipio. As diversas reclamacións e escritos remitidos a diferentes instancias do Goberno autonómico seguen, por agora, sen contestación.
A ANPA do colexio Valle Inclán ten previsto realizar un novo acto de protesta o domingo 19 de outubro, pendente da preceptiva autorización por parte da Subdelegación do Goberno.