O Concello de Oleiros reafirma que conta cun Plan de Emerxencias Municipais desde 2006

O Concello de Oleiros informa e reafirma que dispón dun Plan de Emerxencias Municipais (PEMU) aprobado por Decreto de Alcaldía no ano 2006 e homologado pola Comisión Galega de Protección Civil. De feito, Oleiros foi un dos primeiros concellos de Galicia en contar con este plan, cando a día de hoxe moitos municipios seguen sen telo.
Ademais, o Concello quere aclarar que a limpeza dos leitos dos ríos é competencia da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, e non dos concellos. Por este motivo, insta ao Partido Popular a actuar desde o Goberno autonómico que ostenta para levar a cabo unha limpeza axeitada dos leitos dos ríos en lugar de difundir información errónea sobre o municipio de Oleiros.
En relación coas recentes inundacións, o pasado luns 24 de febreiro rexistráronse as maiores precipitacións desde o ano 1931. No caso da Lagoa de Mera, a pesar das fortes chuvias, as inundacións foron moito menores que as que se producían antes de 1995. Neste ano, acometeuse a ampliación do túnel de saída de auga da Lagoa cara á Praia de Santa Ana, o que permitiu reducir notablemente o impacto das precipitacións.
Antes de 1995, episodios de choiva intensa, mesmo menos severos que os do pasado luns, provocaban inundacións moito máis graves, chegando a cubrir ata os teitos dos garaxes. O Concello de Oleiros destaca que estas melloras foron claves para a redución dos danos causados polas condicións meteorolóxicas extremas.