O Concello de Oleiros organiza unha ruta incluída no programa Andares por Galicia

ACoruñaXa
A actividade irá desde a Fervenza do Toxa ata o Mosteiro de Carboeiro e remata co Entroido dos Xenerais do Ulla
andares-oleiros
11 Feb 2025

O Concello de Oleiros organizará o vindeiro 22 de febreiro unha ruta que combinará natureza e tradición, incluída no programa Andares por Galicia, a cultura da natureza. A actividade partirá desde a Fervenza do Toxa ata o Mosteiro de Carboeiro, rematando cunha visita ao Entroido tradicional dos Xenerais do Ulla.

Debido á previsible alta demanda, a adxudicación das prazas realizarase por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o martes 11 de febreiro ás 10.00 horas e o mércores 12 ás 15.00 horas. A inscrición deberá facerse a través da sede electrónica do Concello, no catálogo de trámites, dentro da sección de cultura. Como alternativa, as persoas que non poidan realizar o trámite en liña poderán facelo de maneira presencial na Fábrica, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Os participantes terán a oportunidade de visitar puntos de interese como o Sistema Fluvial Ulla-Deza, o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a Ponte do Demo, a Fervenza do Toxa, a área recreativa, a praia fluvial e a ponte de A Carixa, antes de rematar cunha inmersión na tradición do Entroido dos Xenerais da Ulla.

A ruta contará con tres guías especializados e ofrece un total de 40 prazas para persoas maiores de idade, cun custo de 23 euros. A asignación das prazas seguirá o sistema de sorteo, priorizando as persoas empadroadas en Oleiros.

 

0.1592321395874