O Concello de Oleiros mostra o seu desacordo co "reaxuste" do servizo de autobús proposto pola Xunta
O Concello de Oleiros considera un "insulto á cidadanía" a proposta feita pública pola Xunta de Galicia de “reaxuste” das liñas de transporte coa que en realidade se eliminan 46 servizos de autobús que existían en Oleiros antes do día 22 de xullo. "Esta é unha decisión unilateral da Xunta que non conta co apoio do Concello de Oleiros por supoñer un recorte nos servizos de transporte para os cidadáns de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo – 29.366 persoas-".
Para resolver os graves problemas existentes no transporte público creados pola incompetencia da Xunta de Galicia, o Concello segue aberto a dialogar para que se reordenen horarios e liñas, sempre e cando se manteña, como mínimo, o número de servizos que había antes do 22 de xullo.
"É de lamentar que os representantes autonómicos tarden máis dun mes en intentar resolver esta situación e desprecen desa maneira aos centos de cidadáns que levan sufrindo durante estas semanas retrasos, perdas de tempo, imposibilidade de acceder aos autobuses, falta de información, etc.."
De non rectificar de inmediato nesta decisión, o Concello realizará diversas accións encamiñadas a denunciar esta indignante actuación da Xunta de Galicia. "Non é posible mellorar o tráfico sen un servizo de transporte minimamente digno".