O Concello de Oleiros leva á Fiscalía a un madeireiro por talar sen licenza municipal

O Concello de Oleiros anunciou que dará traslado á Fiscalía das actuacións dun madeireiro que, mediante un entramado de empresas, está a cortar madeira en zonas protexidas sen a licenza correspondente. A pesar de argumentar que conta coa autorización da Xunta de Galicia, no municipio de Oleiros existe un Plan Xeral e unha ordenanza que obrigan a contar con licenza municipal para poder realizar estas actividades.
Ademais das actuacións ilegais en terreos municipais, varios veciños e veciñas denunciaron que este individuo, representante das empresas Eucaliptos del Atlántico e Río Torto, tamén estivo a cortar madeira en montes privados sen consentimento dos propietarios e sen ofrecer contraprestación económica. Tamén se investiga unha posible suplantación de identidade por parte deste madeireiro. O Concello de Oleiros xa ten varios expedientes sancionadores abertos contra el por actividades ilegais, que suman un total de 204.000 euros en sancións.
Diante destes feitos, o Concello de Oleiros instou á Fiscalía a que inicie as accións legais pertinentes contra este individuo por atentar contra o medio ambiente, danar camiños públicos e apropiarse de bens alleos. A normativa local establece que a tala de madeira no municipio require obrigatoriamente a licenza municipal, independentemente das autorizacións que puidera ter da Xunta de Galicia.
O Plan Xeral e a Ordenanza de Talas de Oleiros tamén exixen que as actividades de corte se realicen cumprindo coas condicións específicas do Concello, como a reforestación, o coidado dos camiños e a presentación de garantías financeiras para cubrir posibles danos.
O Concello lembra á veciñanza que, para evitar sancións, é fundamental que verifiquen que os madeireiros aos que lles venden madeira teñen a licenza municipal pertinente e que cumpren a orde establecida. No caso de talas ilegais en montes privados, sen acordos previos coas persoas propietarias, instan a denunciar os feitos á Garda Civil e a informar ao Concello para a adopción das medidas necesarias.