O Concello de Oleiros estuda permitir a conversión de baixos comerciais en vivendas

O Concello de Oleiros traslada que está a estudar a posibilidade de permitir a transformación dalgúns baixos comerciais en vivendas nas zonas urbanas das principais localidades do municipio. A medida, que busca dar resposta ás necesidades residenciais actuais, exclúe expresamente a conversión en pisos turísticos.
Serán considerados aptos para uso residencial aqueles locais que cumpran cos requisitos técnicos establecidos, como a saída de fumes e a conexión axeitada aos servizos de auga e saneamento, respectando sempre as actuais conexións dos edificios nos que se sitúan.
O Concello subliña que non todos os baixos poderán acollerse a esta transformación, xa que se terá en conta a demanda e a dispoñibilidade de equipamento comercial en cada zona. Para avanzar no proceso, o Concello enviará á Xunta de Galicia un plano detallado coas áreas delimitadas nas que poderá levarse a cabo esta conversión funcional.
Esta iniciativa pretende equilibrar a oferta residencial coa necesaria conservación da actividade comercial, clave para a vitalidade das localidades do municipio.