O Concello de Oleiros denuncia que unha inmobiliaria traslada falsas expectativas á cidadanía

O Concello de Oleiros traslada que, segundo expoñen veciños e veciñas, unha empresa inmobiliaria está creando falsas expectativas sobre unha futura urbanización. Ante isto, o goberno local aclara que o Concello non iniciou ningún trámite. Así, tamén lle están a transmitir a algúns dos propietarios dos terreos que, se non venden, o Concello acabará expropiándolles por prezos notablemente inferiores aos razoables. "O que tamén é rotundamente falso", fan fincapé desde o Concello.
Explica que o ámbito en cuestión é solo urbano non consolidado, o que significa que son necesarios, entre outros, dous pasos previos importantes antes de urbanizar: o proceso de equidistribución e, posteriormente, o de urbanización. O desenvolvemento sería mediante a fórmula de cooperación pública, o que require a coordinación directa do Concello. Por experiencias anteriores, o tempo que se tarda en xestionar este tipo de iniciativas desde o seu inicio é, como mínimo de 2 anos e aínda non se iniciou.
O alcalde, Ángel García Seoane, dirixiu unha carta aos responsables desta empresa instándolle a que “traten á veciñanza con honestidade e respecto, absténdose de prácticas que poidan ser percibidas como ameazas, coaccións ou enganos”. Sinalou: “O Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso de garantir que todos os procedementos urbanísticos se leven a cabo coas máximas garantías legais, transparencia e equidade, asegurando un trato xusto para toda a veciñanza afectada”.
O Concello recomenda a toda a cidadanía que antes de adquirir calquera terreo ou propiedade inmobiliaria soliciten no Concello o correspondente certificado de cualificación urbanística para dispoñer da información real e veraz do inmoble ou parcela que se pretende adquirir.